Dec 31, 2011

Alento de dragón


Como o fume que anuncia a inminente erupción,
a pel muda a súa cor,
o sangue fervendo emigra cara as meixelas,
o relucir febril da ira contida asexa a través das pupilas,
as fosas nasais aspiran o frío aire da noite,
un van intento de calmar a besta.
Farto dos golpes,
rebotan nas escamas, si,
pero o continuado balbordo que causan dentro da coiraza
tamén é irritante.
Cada palabra, cada ollada
cada presenza que se sinte cerca
ten a oportunidade de ser a gota que colme o vaso.
As ansias de esnaquizar,
o ancestral instinto asesino da rata acorralada,
a furia do lobo ferido,
da nai oso que ve ameazados os seu fillos.
O poder destructivo elemental da natureza.
O tsunami.
A tormenta eléctrica.
O ciclón.
O tifón.
O terremoto e a erupción.
Concentrados no mismo ente.
Esa rabia contida que transforma ó máis endeble home
no méis fero dragón.

Dec 4, 2011

Odeval


Tódolos anos de fiel servidume,
ante un poderoso rei ancián,
esváense agora coma fume.

O meu rango foi o de capitán,
o meu nome era ben coñecido,
pero cambiou ese maldito verán.

Moitos non saben do acontecido,
de como o príncipe ó rei matou,
de todo o sangue que foi vertido.

O meu ánimo nunca flaqueou,
Anacles Odeval é o meu nome
e a historia aquí non acabou.

Nov 25, 2011

Sarvipäinen Naamio


Debemos comunicarlle,
sobre a máscara pedida,
e lamentamos fallarlle,
pero témola perdida.
Estamos para axudarlle,
máis faios non terán cabida.
Doutras non estamos faltos,
quere uns cornos ben altos?

Nov 1, 2011

Casiña de caramelo


Espertei sabendo que nalgún lugar
entre a felicidade e a tristeza
este meu corpo perdeu a cabeza
que rola polo chan sen poder parar.

As mans serviunas a bruxa de xantar,
un banquete digno da realeza,
cociñadas con moita sutileza,
un público esixente ó que gustar.

Chuchan a miña sangue os morcegos,
xa case é unha comida fría
servida no chan da cela dos cregos.

E para beber os máis finos egos,
copas de barroca cristalería,
das que beben ata quedaren cegos.

Oct 14, 2011

Saga do Fénix V - Ifrit


Fume e lume.
Chispas e faíscas.
Ante atónita ollada dos presentes o vello deus ígneo decidiu facer o seu regreso.
Desolación e desesperación.
E regresou esfameado, paseando a ardente lingua entre os espectadores.
Rozaduras e queimaduras.
Os xa non espectantes retórcense coa dor, avivando o sádico ánimo do deus incendiario.
Burbulleando e apestando.
Poderoso incendio, pero o tempo non pasa en van nen tan sequera polas divinidades.
Esgotamento e esvaemento.
O divino calor vaise conxelando, o ventre xa o ten cheo e disponse a durmir outro par de anos.
Cinzas.
Durante anos só quedará ese legado.

Oct 2, 2011

Sedentos


Observaos,
felices na súa clandestina reunión
a plena luz do día.
Unha nova especie de vampiros,
hipócritas,
xa nin ó Sol temen.
Con falsas promesas
chúchannos a vida,
o tempo
e ata os cartos.
Con ameazas de sufrimento eterno
intentan someternos
á súa vontade.
Pretenden que nos axeonllemos
diante dun deus de madeira.
Sermonéannos,
provocan que nos odiemos a nós mesmos,
que renunciemos
á propia natureza humana.
Martirízannos
para que deixemos
de comportarnos como
animais”.
Tan limpo nos deixan o cerebro,
que se o Chupasangues Supremo
anuncia o seu próximo destino,
acudimos coma moscas ó esterco,
quizais ansiando
que deixe algunha gota,
por minúscula que sexa,
para acabar nós de deixar seco
o cadáver da Humanidade.

Sep 30, 2011

Mono


Adicción garantizada.
A personalidade decidiu facer un mutis polo foro.
Adrenalina desatada.
Sintes que podes enfrontarte ó máis fero lobo.

Endorfinas danzantes.
Trazan círculos arredor do ego.
Intentan sofocar os incendios latentes,
que se agochan no cerebro.

Pero agora que sabes que non se repetirá,
que ese soño feito realidade só foi unha ilusión,
preferirías que che dixeran: “ Ela fuxirá!”,
e non ter disparado ese canón.

Sep 25, 2011

Toque de Retirada


Ruidosos lamentos de mudo
xorden lentamente do inflamado peito.

O elaborado plan saira á perfeción.
Simplemente fallou na resolución.

Noites en branco desperdiciadas.
Precisas operacións que acaban esnaquizadas.

Unha depresión aproximándose.
Mirando o mundo de soños derrumbarse.

Covardes soldados sen cabeza.
Corren a protexer a endeble realeza.

Sep 19, 2011

Leteo


Está aquí só para verte caer,
para ver como o pedestal se derrumba baixo os teus pés.
Simulará tenderche unha man,
unha man coa que te afundirá máis na lama.
Prefires perdoar a culpar,
pese a saber que os seus actos son totalmente intencionados,
que te esnaquiza paseniño,
tanto por dentro coma por fóra,
que se apropia da túa vida coma se nunca existises.
Olvido ou esquecemento son dous dos seus nomes,
é o amigo que nunca te abandoará.

Sep 9, 2011

Oasis


Cun brazado de mentiras,
unha manchea de decepcións,
ó lombo un saco de pedras,
cada ínfimo croio, un golpe,
unha dor concreta.

A triste figura gris
viaxa encorvada polos eriais.
Sangue vermello mana das chagas,
cheas de area.
A erosión do camiño faise notar.

Desde o inicio da viaxe
leva rezando para que chova,
para que a auga purificadora
caia sobre ela e limpe os seus pecados.

Percoreu xa todo o panteón de deuses,
habidos e por haber,
sen obter resposta algunha.

Obsérvana os alacráns,
asomando dos seus escuros nichos.

Os voitres danzan en círculos,
a escasos metros da súa cabeza.

Saben que ninguén acudirá á pobre figura.
Que non hai divinidade algunha
que lles vaia quitar tan suculenta cea.

Sep 1, 2011

Extras


A pesares de ser todos, non son ninguén.

Son a anónima víctima do malo da película,
o matón sen nome que obedece as súas ordes,
o policía secundario que falece no tiroteo.

Son a multitude que corre espantada diante de monstros xigantes,
que aclama ó heroe cando vence,
que se retorce envolta en lapas despois da explosión.

Son o animado grupo que se ri de fondo no bar,
os esperanzados clientes do centro comercial,
que se ven interrompidos polos malvados plans do antagonista.

Son tamén os paeantes,
xente que camiña despreocupada pola cidade,
que sempre leva apuro aínda sen facer nada,
que pasan de largo,
alleos á escea final,
arredor dos protagonistas que se bican.

Aug 25, 2011

Ruína Verde


Nesa escura noite chegou ela,
e tamén un gran vendaval anunciándoa,
esvaendo a chama da vela.

Pero xa había alguén esperándoa.
A súa chegada xa advertiran,
Contra ela berreaban, insultándoa.

A súa ollada verde xa viran,
que tolos a tantos homes volveu
e que de cabeza ó mar se tiran.

A férrea vontade corrompeu,
todos ceden ó seu encantamento,
o prezo pagaráo quen non veu.

Os descendentes, sen coñecemento,
formarán parte da extensa prole,
deformes que firen o sentimento.

Aug 21, 2011

Despertar escéptico


Despois de saber como acaba esta historia
e de lamentar non ter disfrutado máis da súa evolución,
digo, e non temo que as miñas palabras fagan canción,
que estes relatos non son unha vacua filosofía
e que nos seus lamentos moitos poetas encontran un filón.

Mais eu continúo, sabendo que a miña teoría é certa
que un adeus non sempre deixa un abismo,
que o presente matou xa o romanticismo,
que sinceramente ninguén dá un peso por unha aperta
e que o mundo de hoxe en día, construíuse sobre o cinismo.

E con forzas renovadas rompo estas cadeas.
Maldigo a sociedade que me colgou ditas ataduras,
na que o ben máis escaso son as mentes maduras,
abundan os vicios enormes como baleas
e a maioría son ignorantes que camiñan ás escuras.


Aug 18, 2011

Mutuamente Sós


Eu só son
un solitario defunto.
Ti es só
un solitario espírito.

Corremos desesperados
baixo os tamén solitarios raios,
tristes e temidos emisarios
dos deuses que os homes creamos.

Entre o fume tratamos de atoparnos
pero a soidade insiste en non deixarnos
e nesa conxunción de pós
seguimos mutuamente sós.

Aug 15, 2011

Formigoloxía


Negar non se pode
que a vida das formigas
non está chea de felicidade.

É todo de forma épica marchar,
pes humanos esquivar.

E o colmo de males é ter
sexo mecánico e repetitivo
coa mesma muller
ca calquera outro compañeiro tivo.

Aug 8, 2011

Media ducia de horas


Rotura múltiple.
Todo esparexido.
Tempo perdido.

Ollada verde.
Festival carnívoro.
Tempo inquedo.

E nada come.
As follas arrincadas.
Tempo queimado.

Onda xigante.
Pequena desastrosa.
Tempo roubado.

Flores xa murchas.
As pobres desgraciadas.
Tempo eivado.

Beizos mordidos.
Votación anulada.
Tempo parado.

Jul 26, 2011

Renacer


E foi entón cando o antigo robot se ergeu co seu novo corpo humano. Falláronlle as pernas e caeu ó chan, enterrando a cara na húmida terra. Ergeu a cabeza, con pequenas rabuñaduras cubríndolle a face. Lentamente abriu a boca e coa súa nova voz, un son entrecortado que parecía non querer saír ao exterior, dixo:

-Síntome coma unha merda.

Ergeuse totalmente e mirou ó sol que se poñía no horizonte, sentiu como a luz lle quentaba a pel e secaba as bágoas que lle baixaban polas meixelas. Encheu o peito co aire fresco e unha nova enerxía percorreu o seu corpo.  

-Pero polo menos sinto algo.

Jul 17, 2011

Mellor Cinza


    Logo descubriu que xa nada importaba, que a carraxe que arrastraba innecesariamente lle estaba chuchando a vida lentamente, que o saco de ósos que ocupaba aquel leito de moribundo pesaba máis do necesario. Así que decidiu que se tiña que abandonar este mundo, polo menos faríao lixeiro, e mandou chamar ó notario.

     Unxido xa polo cura, o vello morreu, e tralo enterro procedeuse á lectura do testamento. Os avaros dos seus fillos fregaban as mans con impaciencia. E aquí a sorpresa:

                                                  Meditada durante tempo, a miña decisión é a de legar todos os meus bens ó pirómano que vive ó final da rúa, que compre uns cantos bidóns de gasolina e se divirta queimando todo o que as samesugas da miña prole non puideron rapiñar.

      E moreas de vellos cascallos cun gran valor como antigüidades, acabaron amoreados trala casa do pirómano, ardendo, como se dunha gran fogueira de San Xoán se tratase, mentres o home, totalmente feliz, danzaba ó seu redor.

Jul 12, 2011

Saga do Fénix IV - Altar do Sol


-A quen rezas
alma cativa?
Quen che mandou xuntar
semellante monte de croios?

-A un Deus de Lume
rezo eu.
Pregúntasme por esas pedras.
Sangue e suor
cobren a súa superficie.
Esforzo sobrehumano
me costou reunílas.
Quen me mandou?
O mesmo Helio
ordeoume que lle construíse un altar.
Unha monolítica chapela
que perdure durante milenios.
Un santuario
que os nosos descendentes
usen para rendirlle culto.
Oh, poderoso ser ígneo!
Aquí está a miña ofrenda:
O Altar do Sol.

Jul 10, 2011

Saga do Fénix III - Febre engaiolada


Estou ardendo no meu propio inferno,
sinto como aumenta a temperatura.
O lume engailoado
que levo no peito
empeza a espertar, a querer saír.
Derrétenseme as entrañas
e o cerebro requente
faime ver como burbullea a miña pel.
Entre pensamentos que se evaporan
recordo o causante.
O veleno que me levaría ó seguinte nivel,
a ser o Fénix que renace das cinzas.
E agora,
mentres pouco a pouco funde o meu interior,
doume conta da tolería que cometín.
Do impulso sectario que guiou a miña man,
e neste meu leito
arrepíntome,
desexando afogar na máis fresca das augas.

Jun 30, 2011

Saga do Fénix II - A Danza dos Soláticos

Esta noite a cidade arderá.
Somos os Purificadores.
Somos os portadores do don de Prometeo.
Co seu lume purgaremos este niño de víboras.
Corremos polas calellas arrasandoo todo ó noso paso.
Cun bidón de gasolina nunha man,
e unha caixa de mistos na outra,
avanzamos,
alternando o arrecendo do combustible
co tóxico aroma do monóxido.
Marchamos ó rítmico son dos automóbiles estoupando.
Cantamos ó unísono co crepitar das lapas.
Bailamos arredor dos nosos cálidos fillos.

A xente comeza a espertar coa nosa luz,
e as ratas abandonan o barco.
Deleitámonos co noso poder,
infundimos un medo que roza o horror.
E orgullosos da nosa creación,
observamos como o noso grupo aumenta.
Bailaríns de roupas ígneas saen das vivendas,
e danzan polas rúas ata que se consumen.
Vans arcos de auga tratan de sofocar a nosa enerxía,
pero a ardente determinación da nosa causa
transforma eses intentos en brancas nubes de vapor,
que se suman ó negro fondo do escenario.

E agora,
no corazón da cidade,
chegou o momento que tanto levábamos agardando.
O momento de volvernos un coas nosa criaturas.
O momento de deixar que nos acariñen
e nos liberen destas impuras envolturas.
E aquí, na gran fonte seca,
inmolarémonos para dar a nota final da nosa ópera prima.

Jun 27, 2011

Dexeneración Primitiva

No ventre da civilización
estase a preparar a nova xeración.
Unha nova raza de antropófagos
que renegan do pagano canibalismo
profesado polos seus predecesores.
Orquestras de vulnerables entrañas
admiran, devotas, ó cociñeiro,
que proba a súa propia obra.
Con medida afectación dramática
reparte entre o público
unha mínima porción da furnada.
O altar quedou seco tempo ha.
Agora as masas confórmanse.
Aliméntanse, resignadas,
de carne de trigo
e sangue de uva.

Jun 23, 2011

Saga do Fénix I - Corvo, Lume e Cinzas


E avanza a vella.
Corvo ó ombreiro,
negra pluma no sombreiro.
Iguais de escuras as roupas,
con esa escuridade absorvente
que devora con ansia o resplandor das estrelas.
E avanza ela
dobrada
como cheirando o rastro dunha presa.
Polas calellas daquela mísera aldea
a viúva do tempo avanza.
Ladran os cans ó seu paso,
alporízanse os gatos e nos seus buracos se agochan os ratos.
Todo animal renega dela.
Todo animal agás o corvo.
Dende a escasa altura na que se atopa,
o negro paxaro mófase da sorte dos aldeáns.
Ante as palabras da vella reaccionaron con risas
gritos
insultos.
Non lles conviña crer o conto que ela lles contaba.
Chegara pola mañá á praza e fixera un anuncio:
"Cinza somos e en cinza nos convertiremos,
divos o cura,
e así será
pero moito antes do que esperades.
Esta noite a aldea arderá.
Ós que mandan non lles vale de nada que esta vila exista.
O terreo vale máis vacío.
Valemos menos que as árbores que nos rodean.
Avisados estades.
Marcharei ó solpor, quen queira acompañarme
xa sabe por onde se sae."
E marchou a vella,
acompañada polo corvo e polos berros dos veciños.
"Bruxa tola!"
"Paxaro de mal agoiro!"
E agora xa e tarde.
Só ela marcha.
E ó entrar no monte, crúzase cunha figura esquiva,
que na man leva un bidón de gasolina.

Ó día seguinte, gran noticia en todas as planas:
"Arde un pobo enteiro nunha soa noite.
Sospeitase que o incendio foi intencionado."

E despois duns anos:
"Gran apertura do centro turístico Paraíso Rural.
Con programas de sendeirismo e clases de horticultura.
Aproveite os descontos por inauguración!"

Apr 1, 2011

Pan, Viño e Espectáculo


Ignorancia extrema,
tempo desaproveitado
que sume ás masa descerebradas
nun profundo torrente de histeria.
Saboroso menú o dos romanos,
con un gran prato de circo
todo o populacho esquecía as súas penas.
Ata o reo máis humilde sufria o efecto.
En que temas políticos,
relixiosos
eu mesmo cotidiáns,
pensas cando estás indefenso
fronte ó fero león?
Salvaxe besta
alentada pola fame
e pola sede de sangue do descontento pobo,
que reflexa o seu sufrimento noutro ser
aínda máis desgraciado que eles.
Pobre chivo expiatorio,
cando as súas vísceras
se esparexan pola area,
co ventre esgazado pola gadoupa do felino
encherá cos seus berros
o papo dos espectadores.
Reguémolo ben todo co viño vermello
e brindemos á saúde da feliz inconsciencia.

Feb 23, 2011

Esperanza?

Mátame.
Ven ó carón do meu leito,
axeónllate
e espétame ese coitelo no peito.
Así poderei abandonar ó fin
a pesada carga que aplasta a miña ánima.
Maldito don mal outorgado.
Capacidade de ver a palla no ollo alleo
arrexuntada coa impotencia de non poder sacar ó veciño
da escuridade na que vive.
Intentalo leva a que perda a conciencia de si mesmo,
se colgue uns fíos,
e se dedique a bailar o son que eu toco.
Ansia insaciable de coñecemento inexistente.
Acaso alguén atopou xa a suficiente sabedoría
para exorcizar os estúpidos pensamentos,
se se lles pode sequera chamar así,
que invaden a ricos e pobres por igual?
Ninguén contesta.
Esgotaríase xa a esperanza?
A miña aínda non o fixo,
así que bule e corta o fío do meu destino
antes de que a súa chama se extinga.

Feb 18, 2011

Náufrago

Nada mellor?
Esperanza.
Fracaso.
O inevitable ciclo que segue a miña vida.
Xa que naufrago,
non podería polo menos
elixir en que porto vou acabar?
Extrañas correntes sen dirección coñecida
divírtense levándome lonxe da praia.
Estarei acaso condenado
a rematar esnaquizado
contra as afiadas rochas da desgracia?
Se tan sequera atopase
un simple madeiro ó que aferrame...
Pero as xélidas augas deste mar
xa case enfriaron totalmente
o escaso ánimo que tiña.
Só unha cousa teño agora por segura,
e é que baixando
nalgún momento tocarei fondo.

Jan 22, 2011

Pouca profundidade

Como fun dar aquí?
Navegaba eu por interesantes mentes
cubertas de estrelados ceos de ideas.
Resplandecentes ideas!
E agora atópome varado neste areal.
Maldita corrente irónica!
O teu desatinado percorrer trouxome ata estes lares.
Ata estas vidas superficiais.
Vidas pouco profundas,
nas cales o meu navío medio afundido toca fondo.
Pesan os tesouros recollidos nestas últimas viaxes.
Parece mentira que todo o traballo que pasei,
o suor que botei ata encher de sal o océano,
sexan agora en van.
Que nos quiten o bailado!”
O colmo do pesimista acábase de facer realidade,
xa que eu estou obrigado
a librarme do lastre da experiencia
para poder liscar destas perigosas augas.

Jan 10, 2011

Cidade Fantasma

Zona Cero.
Cidade fantasma.
Os pobos mortos só dormen durante o día.
Na noite todo esperta.
Todas as estrelas se moven, ruidosas...
Ras que croan.
Lobos que oubean,
maldecidos pola estrela caída,
merodean polo sanguento bosque vermello,
rindose dos seus pasados cazadores xa cazados,
tempo atrás,
polas invisibles pantasmas que Plutón dende o seu novo trono envía
a reclamar terras longamente asoballadas por un home que xa non recordaba como chegara alí.
Agora,
o deus dos mortos retírase ó seu Sarcófago eterno de cemento,
deixando este novo mundo baixo a incansable vixiancia da natureza,
que con afán protector,
coloca á entrada de cada fogar antigamente humano
unha árbore
que invita ó pecado orixinal,
un pecado que provocará,
non unha expulsión,
senón unha penosa invitación
a formar parte da familia dos que vagan,
baixo unha suave choiva de malignos raios,
por un deserto aínda non de todo morto,
un pase
ó extrano mundo
dos descendentes non recoñecidos
da segunda xeración dinosauros.

Jan 3, 2011

Grises



Somos grises.
Nen bos nen malos.
Grises.
Nen heroes nen viláns.
Grises.
Pero sentimos, sufrimos.
Vivimos e morremos.
Soñamos cando durmimos.
Amamos.
Non somos deuses,
pero tampouco somos diaños.
Somos grises.
Nen negro nen branco.
Somos homes.