Jul 17, 2011

Mellor Cinza


    Logo descubriu que xa nada importaba, que a carraxe que arrastraba innecesariamente lle estaba chuchando a vida lentamente, que o saco de ósos que ocupaba aquel leito de moribundo pesaba máis do necesario. Así que decidiu que se tiña que abandonar este mundo, polo menos faríao lixeiro, e mandou chamar ó notario.

     Unxido xa polo cura, o vello morreu, e tralo enterro procedeuse á lectura do testamento. Os avaros dos seus fillos fregaban as mans con impaciencia. E aquí a sorpresa:

                                                  Meditada durante tempo, a miña decisión é a de legar todos os meus bens ó pirómano que vive ó final da rúa, que compre uns cantos bidóns de gasolina e se divirta queimando todo o que as samesugas da miña prole non puideron rapiñar.

      E moreas de vellos cascallos cun gran valor como antigüidades, acabaron amoreados trala casa do pirómano, ardendo, como se dunha gran fogueira de San Xoán se tratase, mentres o home, totalmente feliz, danzaba ó seu redor.

No comments:

Post a Comment