Jun 30, 2011

Saga do Fénix II - A Danza dos Soláticos

Esta noite a cidade arderá.
Somos os Purificadores.
Somos os portadores do don de Prometeo.
Co seu lume purgaremos este niño de víboras.
Corremos polas calellas arrasandoo todo ó noso paso.
Cun bidón de gasolina nunha man,
e unha caixa de mistos na outra,
avanzamos,
alternando o arrecendo do combustible
co tóxico aroma do monóxido.
Marchamos ó rítmico son dos automóbiles estoupando.
Cantamos ó unísono co crepitar das lapas.
Bailamos arredor dos nosos cálidos fillos.

A xente comeza a espertar coa nosa luz,
e as ratas abandonan o barco.
Deleitámonos co noso poder,
infundimos un medo que roza o horror.
E orgullosos da nosa creación,
observamos como o noso grupo aumenta.
Bailaríns de roupas ígneas saen das vivendas,
e danzan polas rúas ata que se consumen.
Vans arcos de auga tratan de sofocar a nosa enerxía,
pero a ardente determinación da nosa causa
transforma eses intentos en brancas nubes de vapor,
que se suman ó negro fondo do escenario.

E agora,
no corazón da cidade,
chegou o momento que tanto levábamos agardando.
O momento de volvernos un coas nosa criaturas.
O momento de deixar que nos acariñen
e nos liberen destas impuras envolturas.
E aquí, na gran fonte seca,
inmolarémonos para dar a nota final da nosa ópera prima.

No comments:

Post a Comment