E avanza a vella.
Corvo ó ombreiro,
negra pluma no sombreiro.
Iguais de escuras as roupas,
con esa escuridade absorvente
que devora con ansia o resplandor das estrelas.
E avanza ela
dobrada
como cheirando o rastro dunha presa.
Polas calellas daquela mísera aldea
a viúva do tempo avanza.
Ladran os cans ó seu paso,
alporízanse os gatos e nos seus buracos se agochan os ratos.
Todo animal renega dela.
Todo animal agás o corvo.
Dende a escasa altura na que se atopa,
o negro paxaro mófase da sorte dos aldeáns.
Ante as palabras da vella reaccionaron con risas
gritos
insultos.
Non lles conviña crer o conto que ela lles contaba.
Chegara pola mañá á praza e fixera un anuncio:
"Cinza somos e en cinza nos convertiremos,
divos o cura,
e así será
pero moito antes do que esperades.
Esta noite a aldea arderá.
Ós que mandan non lles vale de nada que esta vila exista.
O terreo vale máis vacío.
Valemos menos que as árbores que nos rodean.
Avisados estades.
Marcharei ó solpor, quen queira acompañarme
xa sabe por onde se sae."
E marchou a vella,
acompañada polo corvo e polos berros dos veciños.
"Bruxa tola!"
"Paxaro de mal agoiro!"
E agora xa e tarde.
Só ela marcha.
E ó entrar no monte, crúzase cunha figura esquiva,
que na man leva un bidón de gasolina.
Ó día seguinte, gran noticia en todas as planas:
"Arde un pobo enteiro nunha soa noite.
Sospeitase que o incendio foi intencionado."
E despois duns anos:
"Gran apertura do centro turístico Paraíso Rural.
Con programas de sendeirismo e clases de horticultura.
Aproveite os descontos por inauguración!"
No comments:
Post a Comment