Sep 20, 2012

Frío


Un vento xélido.
Unha pantasma azul que sopra entre os vellos carballos,
xa sen follas.
Dedos de neve que acariñan a terra,
espíndoa do seu vestido de vermellos e amarelos.
Dentes de xeo que sorrín maliciosos
ó esgotado astro da coroa dourada.
Petando nas ventás con puños descarnados,
o espírito do Norte esperta ás súas presas.
Ó seu paso vai deixando un rastro,
un regueiro de insectos xeados
expostos en vitrinas de follas cristalizadas.

Jul 23, 2012

Crime en dous actos


Presentación.
As pedras voadoras esmagan muros de plástico.
Máscaras de rabia animal demandan un cambio drástico.
Os papeis amencen cubertos cun humor cáustico.
Conclusión.
Unhas tesoiras contra a gorxa que entoa ese cántico.

Jun 19, 2012

Inexistencia 2


Tralo deus iracundo que pide sangue,
tralo deus guerreiro que pide guerras,
tralo deus bondadoso que pide amor,
tralo deus rencoroso que pide vinganza.

Tralo escudo, trala espada,
tralo ollo, trala lanza,
tralo libro, trala daga,
tralo dente, trala maza.

Disputas de mentes demasiado imaxinativas
que comandan mentes demasiado cerradas.

Jun 4, 2012

A febre dun soñador



A víbora da dúbida chantou os cairos na carne quente,
o ácedo veleno extendese paseniño polas veas,
ó seu paso vaise durmindo a conciencia, a mente,
doma o espírito animal que sempre comeza as leas.

E lentamente o sono dá paso ós desvaríos,
o panorama ante os ollos convértese nunha alucinación,
imaxes de monicreques que cortan os seus propios fíos,
de corvos que peteiran as sementes da destrucción.

O son dos cornos anuncia o comezo da función,
graxentos animais acompañan cos seus chíos
mentres criaturas menos ruidosas os acoitelan con decisión,
co fin de utilizar o sangue para alimentar os sedentos ríos.
Tralo telón agóchanse rindo as bruxas máis feas,
de sobra saben que ningunha delas é candidata decente,
nin sequera envoltas nas máis coidadas e caras teas
poderían apoiar a ilusión dunha realidade convincente.

May 28, 2012

Cautivo


Camiñarei coas mans atadas,
prisioneiro das miñas decisións.
Camiñarei coa cabeza baixa,
para non mirar aos ollos á verdade.
Dous finais ábrense ante min.
Fuxirei para que a morte me alcance pola espalda?
Afrontarei o destino que eu mesmo creei?
Ningún sinal vin no meu percorrido,
nada que me advertise de onde me estaba metendo.
Fatalismo e optimismo,
dúas conciencias separadas que loitan no interior.
Dá igual cal das dúas saia vencedora,
o resultado, antes ou despois,
sempre será a dor.  

May 13, 2012

Opresión


Intentámolo e levantámonos.
Sabíamos que era unha ardua tarefa.
Unha misión que dura xa séculos.
E cando por fin vimos o resultado,
cando vimos como a bota que nos esmagaba se levantaba,
celebrámolo con xúbilo.
Pero neses intres de ledicia
a bota volveu caer sobre nós,
con máis forza aínda.

May 3, 2012

Saga do Fénix VII - Revolta



O poder da química na miña man.
O inflamable líquido danza dentro da súa gaiola,
inquedo, excitado,
consciente do futuro que lle espera.

Un sinal, e un exército de candentes artefactos
barrerán as filas inimigas como unha tormenta divina.
Improvisaremos unha noite de San Xoán,
con bonecos envoltos en chamas
desfilando polas estreitas rúas.

Paxaros de lume voarán sobre os espectadores,
un indiscriminado castigo,
un ataque contra a propia existencia,
rebaixando a todo ser a un mesmo nivel,
mesturando as cinzas nun todo, un monstro común,
unha escoria social.

Apr 16, 2012

R



E foi entón cando o antigo robot se ergeu co seu novo corpo humano. Falláronlle as pernas e caeu ó chan, enterrando a cara na húmida terra. Ergeu a cabeza, pequenas rabuñaduras cubríanlle a face. Lentamente abriu a boca e coa súa nova voz dixo:

-Síntome coma unha merda.

Ergeuse totalmente e mirou ó sol que se poñía no horizonte, sentiu como a luz lle quentaba a pel e secaba as bágoas que lle baixaban polas meixelas.

-Pero polo menos sinto algo.

Mar 19, 2012

Contaxio


É un virus.
Nunha súbita explosión de animosidade,
máis e máis escravos
chegan para unirse ás filas dos contaxiados.
Cada enfermo cree que é distinto,
esixe para sí o dereito a tratamento,
e ao mesmo tempo pide,
hipócritamente,
que a xente á que transmitiu a praga
sexa tamén tratada.
E o Paciente Cero gábase do seu logro,
cun par de tusidos aquí e alá,
reviviu un fiel exército de mentes vacías,
animadas pola esperanza de que as ordes que reciben
sexan pensamentos de creación propia.
E cando a armada de enfermos
se encontra coa antagónica milicia de leprosos
co cerebro podre e cheo de aire,
comeza unha épica guerra,
un inacabable combate que se ven repetindo,
ano tras ano,
en todo medio susceptible de convertirse en campo de batalla.

Mar 15, 2012

Novo comezo


Volve a min, inspiración!
Con este intento vacuo
comezo a construír a túa futura gaiola.
Regresa!
Devólveme esa satisfacción,
a éxtase da creación!
Permíteme unha vez máis ser Deus.
Dar vida a unha mestura de liñas,
e crear un microuniverso,
poblado de sentimentos paranoides
e de emocións suicidas.
Con eses mouchos que sobrevoan a miña cabeza,
os meus ollos non son capaces de volver ao papel.
Ágonico terror ao espazo en branco!
Luminoso vacío primixenio.
Veña, inspiración!
O teu destino é ser a chispa, o detonador,
deste Big Bang de ideas confrontadas.

Mar 7, 2012

Petroglifo


E con estas liñas
son o canto dun paxaro resignado,
unha ave con ás de granito,
destinada ao confinamento eterno.
Pétreas bágoas golpean o chan,
ter a porta á liberdade aberta
e non poder fuxir en pos dela,
ese é o lamento,
inpirador de melodías de bardos,
musa de poetas ancestrais,
rasgado son de trompetas celestiais.
Pero o rochoso animal segue deprimido,
a beleza do seu canto non é suficiente,
segue sen poder alzar o voo.

Mar 4, 2012

Aqueronte


O abismo ábrese baixo os teus pés.
Unha infinita extensión de escuridade.
Os teus dedos comezan a ceder.
Unha dor insoportable.
A esperanza de salvación esváese.
Unha resignación abrasadora.
Pensamentos de morte e sufrimento acoden ó teu cerebro.
Unha agonía esnaquizante.
Non podes evitar imaxinar a caída.
Unha danza entre as néboas da ignorancia,
xirando entre as penas,
pés que se moven frenéticos,
marcando un ritmo,
un réquiem desolador,
notas que se gravan con lume na túa pel,
nesa mesma pel que sinte a ansia,
a necesidade de sangue das augas que corren ao fondo.
Notas un sabor metálico na lingua,
e de súpeto todo cobra sentido.
Benvido ao Hades.

Feb 20, 2012

Saga do Fénix VI - O Sabio


Decidido a romper coas cadeas,
coas ataduras que o unen ó seu pasado.
Nunha man leva un feixe de candeas,
na outra un pesado bidón ben pechado,
O demacrado ancián fai o seu movemento
e encorvado avanza contra o vento.

A vida para el xa perdeu o sentido,
xa se extende máis do que debería ter vivido,
tras mil combates o seu corpo xa está curtido.

E tempo despois un cazador extraviado
comtempla entre as árbores, abraiado,
un delgado corpo totalmente calcinado.

Feb 12, 2012

Novas lendas antigas


Letras vellas.
De heroes antigos.
De batallas gañadas e de guerras perdidas.
Historias esquecidas.
Palabras durmidas,
entre moreas de papeis que apodrecen.
Aquí e alá,
a medida que calan os bardos,
as lendas desaparecen.
Nas prazas non se amorea xa a xente.
As cancións xa non traen novas.
As armas dos soldados perden o brillo,
pero a pluma renova o seu filo.
Indignados escritores parten nunha misión de busca.
Respladece nos seus ollos a decisión.
Con lanzas de tinta acabarán co fero dragón
e traerán de regreso á súa querida musa.

Feb 6, 2012

Muutos


Medo a que a rutina cambie,
horror ante a idea de mudar,
a que a comodidade acabe.

A situación debe evolucionar,
aínda que sexa tan confortable,
algún día haberá que madurar.

Non, seguir así non é viable,
é un deber unirse ao progreso,
por máis que sexa algo cuestionable.

A razón vai cobrando ben de peso,
o futuro non debe ser estático,
opción hai de actuar con exceso:

Rematar convertido nun fanático.

Jan 29, 2012

Palidez de diccionario


Cambiei de imaxe a un armazón en forma de corpo humano, cun tegumento extendido sobre toda a súa superficie, que sufre dunha decoloración acentuada polo feito de que hai xa máis do tempo que pasa desde que a Lúa está no seu apoxeo ata que volve a el que non vexo a claridade que irradian os corpos en combustión, ignición ou incandescencia, emitida pola estrela luminosa centro do noso sistema planetario.

Jan 19, 2012

Petroglifo


E con estas liñas
son o canto dun paxaro resignado,
unha ave con ás de granito,
destinada ao confinamento eterno.
Pétreas bágoas golpean o chan,
ter a porta á liberdade aberta
e non poder fuxir en pos dela,
ese é o lamento,
inpirador de melodías de bardos,
musa de poetas ancestrais,
rasgado son de trompetas celestiais.
Pero o rochoso animal segue deprimido,
a beleza do seu canto non é suficiente,
segue sen poder alzar o voo.

Jan 14, 2012

Noite de lume e fume


Como se dun San Xoán calquera se tratase,
as fogueiras resplandecen entre o xentío.
As lapas iluminan ferventemente
enrugadas faces ávidas de dor.
Unha procesión de reos
marcha pola cidade, camiño da calor.
Crueis alfombras de sal cobren as rúas,
as chagas dos pés espidos non o agradecen.
Afortunados aqueles que tropezan e caen,
pois eles xa non se volverán erguer.
A gran educación infantil pode medirse
polas pedras que os nenos lanzan aos encadeados,
a ritmo de himnos e salmos.
E os herexes aguantan o diluvio,
coa esperanza de que un deses croios leve o seu nome
e un golpe con sorte os libere do destino que lles espera.
Pero non a todos lles sorrí a fortuna.
Pobre daquel que chegue á meta.
Sen crer na existencia do Inferno,
sufrirao en vida.

Jan 6, 2012

Cinematografía


Recordo, ese tempo estragado,
onde todo tiña sentido,
onde todo tiña intención,
mellor ou peor,
pero nada pendía do Azar.
Aquela época antiga,
na que o omnipresente Murphy fora exiliado,
relegado a un mero conto de vellas.
Pero volveu a ser invocado.
Acontecementos aleatorios,
sempre fatídicos,
despertan medos enterrados,
preocupacións vacuas que alimentan pesadelos,
que eliminan o feliz descanso infantil.
Que cruel diácono da abominable relixión do terror
decidiu que era hora de volver ás andadas?
Xiros de trama,
inesperadas complicacións,
poñen aproba ao desafortunado personaxe principal,
canso xa de actuar nesa película barata que é a súa vida.

Jan 4, 2012

Fama


De pé naquel escenario
que tempo atrás construín
o boneco de trapo dixo:
“Non é o bastante grande,
déixádemo só para min!”
Un a un foi empuxando
ao resto dos monicreques
que cos ollos coma platos non crían
que lles estivese sucedendo a eles.
Con movementos enfadados
e cordas que se enleaban
a comedia rematou en traxedia
e cabezas baleiras rodaron.