Oct 14, 2011

Saga do Fénix V - Ifrit


Fume e lume.
Chispas e faíscas.
Ante atónita ollada dos presentes o vello deus ígneo decidiu facer o seu regreso.
Desolación e desesperación.
E regresou esfameado, paseando a ardente lingua entre os espectadores.
Rozaduras e queimaduras.
Os xa non espectantes retórcense coa dor, avivando o sádico ánimo do deus incendiario.
Burbulleando e apestando.
Poderoso incendio, pero o tempo non pasa en van nen tan sequera polas divinidades.
Esgotamento e esvaemento.
O divino calor vaise conxelando, o ventre xa o ten cheo e disponse a durmir outro par de anos.
Cinzas.
Durante anos só quedará ese legado.

Oct 2, 2011

Sedentos


Observaos,
felices na súa clandestina reunión
a plena luz do día.
Unha nova especie de vampiros,
hipócritas,
xa nin ó Sol temen.
Con falsas promesas
chúchannos a vida,
o tempo
e ata os cartos.
Con ameazas de sufrimento eterno
intentan someternos
á súa vontade.
Pretenden que nos axeonllemos
diante dun deus de madeira.
Sermonéannos,
provocan que nos odiemos a nós mesmos,
que renunciemos
á propia natureza humana.
Martirízannos
para que deixemos
de comportarnos como
animais”.
Tan limpo nos deixan o cerebro,
que se o Chupasangues Supremo
anuncia o seu próximo destino,
acudimos coma moscas ó esterco,
quizais ansiando
que deixe algunha gota,
por minúscula que sexa,
para acabar nós de deixar seco
o cadáver da Humanidade.

Sep 30, 2011

Mono


Adicción garantizada.
A personalidade decidiu facer un mutis polo foro.
Adrenalina desatada.
Sintes que podes enfrontarte ó máis fero lobo.

Endorfinas danzantes.
Trazan círculos arredor do ego.
Intentan sofocar os incendios latentes,
que se agochan no cerebro.

Pero agora que sabes que non se repetirá,
que ese soño feito realidade só foi unha ilusión,
preferirías que che dixeran: “ Ela fuxirá!”,
e non ter disparado ese canón.

Sep 25, 2011

Toque de Retirada


Ruidosos lamentos de mudo
xorden lentamente do inflamado peito.

O elaborado plan saira á perfeción.
Simplemente fallou na resolución.

Noites en branco desperdiciadas.
Precisas operacións que acaban esnaquizadas.

Unha depresión aproximándose.
Mirando o mundo de soños derrumbarse.

Covardes soldados sen cabeza.
Corren a protexer a endeble realeza.

Sep 19, 2011

Leteo


Está aquí só para verte caer,
para ver como o pedestal se derrumba baixo os teus pés.
Simulará tenderche unha man,
unha man coa que te afundirá máis na lama.
Prefires perdoar a culpar,
pese a saber que os seus actos son totalmente intencionados,
que te esnaquiza paseniño,
tanto por dentro coma por fóra,
que se apropia da túa vida coma se nunca existises.
Olvido ou esquecemento son dous dos seus nomes,
é o amigo que nunca te abandoará.

Sep 9, 2011

Oasis


Cun brazado de mentiras,
unha manchea de decepcións,
ó lombo un saco de pedras,
cada ínfimo croio, un golpe,
unha dor concreta.

A triste figura gris
viaxa encorvada polos eriais.
Sangue vermello mana das chagas,
cheas de area.
A erosión do camiño faise notar.

Desde o inicio da viaxe
leva rezando para que chova,
para que a auga purificadora
caia sobre ela e limpe os seus pecados.

Percoreu xa todo o panteón de deuses,
habidos e por haber,
sen obter resposta algunha.

Obsérvana os alacráns,
asomando dos seus escuros nichos.

Os voitres danzan en círculos,
a escasos metros da súa cabeza.

Saben que ninguén acudirá á pobre figura.
Que non hai divinidade algunha
que lles vaia quitar tan suculenta cea.