Jan 29, 2012

Palidez de diccionario


Cambiei de imaxe a un armazón en forma de corpo humano, cun tegumento extendido sobre toda a súa superficie, que sufre dunha decoloración acentuada polo feito de que hai xa máis do tempo que pasa desde que a Lúa está no seu apoxeo ata que volve a el que non vexo a claridade que irradian os corpos en combustión, ignición ou incandescencia, emitida pola estrela luminosa centro do noso sistema planetario.

Jan 19, 2012

Petroglifo


E con estas liñas
son o canto dun paxaro resignado,
unha ave con ás de granito,
destinada ao confinamento eterno.
Pétreas bágoas golpean o chan,
ter a porta á liberdade aberta
e non poder fuxir en pos dela,
ese é o lamento,
inpirador de melodías de bardos,
musa de poetas ancestrais,
rasgado son de trompetas celestiais.
Pero o rochoso animal segue deprimido,
a beleza do seu canto non é suficiente,
segue sen poder alzar o voo.

Jan 14, 2012

Noite de lume e fume


Como se dun San Xoán calquera se tratase,
as fogueiras resplandecen entre o xentío.
As lapas iluminan ferventemente
enrugadas faces ávidas de dor.
Unha procesión de reos
marcha pola cidade, camiño da calor.
Crueis alfombras de sal cobren as rúas,
as chagas dos pés espidos non o agradecen.
Afortunados aqueles que tropezan e caen,
pois eles xa non se volverán erguer.
A gran educación infantil pode medirse
polas pedras que os nenos lanzan aos encadeados,
a ritmo de himnos e salmos.
E os herexes aguantan o diluvio,
coa esperanza de que un deses croios leve o seu nome
e un golpe con sorte os libere do destino que lles espera.
Pero non a todos lles sorrí a fortuna.
Pobre daquel que chegue á meta.
Sen crer na existencia do Inferno,
sufrirao en vida.

Jan 6, 2012

Cinematografía


Recordo, ese tempo estragado,
onde todo tiña sentido,
onde todo tiña intención,
mellor ou peor,
pero nada pendía do Azar.
Aquela época antiga,
na que o omnipresente Murphy fora exiliado,
relegado a un mero conto de vellas.
Pero volveu a ser invocado.
Acontecementos aleatorios,
sempre fatídicos,
despertan medos enterrados,
preocupacións vacuas que alimentan pesadelos,
que eliminan o feliz descanso infantil.
Que cruel diácono da abominable relixión do terror
decidiu que era hora de volver ás andadas?
Xiros de trama,
inesperadas complicacións,
poñen aproba ao desafortunado personaxe principal,
canso xa de actuar nesa película barata que é a súa vida.

Jan 4, 2012

Fama


De pé naquel escenario
que tempo atrás construín
o boneco de trapo dixo:
“Non é o bastante grande,
déixádemo só para min!”
Un a un foi empuxando
ao resto dos monicreques
que cos ollos coma platos non crían
que lles estivese sucedendo a eles.
Con movementos enfadados
e cordas que se enleaban
a comedia rematou en traxedia
e cabezas baleiras rodaron.

Dec 31, 2011

Alento de dragón


Como o fume que anuncia a inminente erupción,
a pel muda a súa cor,
o sangue fervendo emigra cara as meixelas,
o relucir febril da ira contida asexa a través das pupilas,
as fosas nasais aspiran o frío aire da noite,
un van intento de calmar a besta.
Farto dos golpes,
rebotan nas escamas, si,
pero o continuado balbordo que causan dentro da coiraza
tamén é irritante.
Cada palabra, cada ollada
cada presenza que se sinte cerca
ten a oportunidade de ser a gota que colme o vaso.
As ansias de esnaquizar,
o ancestral instinto asesino da rata acorralada,
a furia do lobo ferido,
da nai oso que ve ameazados os seu fillos.
O poder destructivo elemental da natureza.
O tsunami.
A tormenta eléctrica.
O ciclón.
O tifón.
O terremoto e a erupción.
Concentrados no mismo ente.
Esa rabia contida que transforma ó máis endeble home
no méis fero dragón.

Dec 4, 2011

Odeval


Tódolos anos de fiel servidume,
ante un poderoso rei ancián,
esváense agora coma fume.

O meu rango foi o de capitán,
o meu nome era ben coñecido,
pero cambiou ese maldito verán.

Moitos non saben do acontecido,
de como o príncipe ó rei matou,
de todo o sangue que foi vertido.

O meu ánimo nunca flaqueou,
Anacles Odeval é o meu nome
e a historia aquí non acabou.