Jul 26, 2011

Renacer


E foi entón cando o antigo robot se ergeu co seu novo corpo humano. Falláronlle as pernas e caeu ó chan, enterrando a cara na húmida terra. Ergeu a cabeza, con pequenas rabuñaduras cubríndolle a face. Lentamente abriu a boca e coa súa nova voz, un son entrecortado que parecía non querer saír ao exterior, dixo:

-Síntome coma unha merda.

Ergeuse totalmente e mirou ó sol que se poñía no horizonte, sentiu como a luz lle quentaba a pel e secaba as bágoas que lle baixaban polas meixelas. Encheu o peito co aire fresco e unha nova enerxía percorreu o seu corpo.  

-Pero polo menos sinto algo.

Jul 17, 2011

Mellor Cinza


    Logo descubriu que xa nada importaba, que a carraxe que arrastraba innecesariamente lle estaba chuchando a vida lentamente, que o saco de ósos que ocupaba aquel leito de moribundo pesaba máis do necesario. Así que decidiu que se tiña que abandonar este mundo, polo menos faríao lixeiro, e mandou chamar ó notario.

     Unxido xa polo cura, o vello morreu, e tralo enterro procedeuse á lectura do testamento. Os avaros dos seus fillos fregaban as mans con impaciencia. E aquí a sorpresa:

                                                  Meditada durante tempo, a miña decisión é a de legar todos os meus bens ó pirómano que vive ó final da rúa, que compre uns cantos bidóns de gasolina e se divirta queimando todo o que as samesugas da miña prole non puideron rapiñar.

      E moreas de vellos cascallos cun gran valor como antigüidades, acabaron amoreados trala casa do pirómano, ardendo, como se dunha gran fogueira de San Xoán se tratase, mentres o home, totalmente feliz, danzaba ó seu redor.

Jul 12, 2011

Saga do Fénix IV - Altar do Sol


-A quen rezas
alma cativa?
Quen che mandou xuntar
semellante monte de croios?

-A un Deus de Lume
rezo eu.
Pregúntasme por esas pedras.
Sangue e suor
cobren a súa superficie.
Esforzo sobrehumano
me costou reunílas.
Quen me mandou?
O mesmo Helio
ordeoume que lle construíse un altar.
Unha monolítica chapela
que perdure durante milenios.
Un santuario
que os nosos descendentes
usen para rendirlle culto.
Oh, poderoso ser ígneo!
Aquí está a miña ofrenda:
O Altar do Sol.

Jul 10, 2011

Saga do Fénix III - Febre engaiolada


Estou ardendo no meu propio inferno,
sinto como aumenta a temperatura.
O lume engailoado
que levo no peito
empeza a espertar, a querer saír.
Derrétenseme as entrañas
e o cerebro requente
faime ver como burbullea a miña pel.
Entre pensamentos que se evaporan
recordo o causante.
O veleno que me levaría ó seguinte nivel,
a ser o Fénix que renace das cinzas.
E agora,
mentres pouco a pouco funde o meu interior,
doume conta da tolería que cometín.
Do impulso sectario que guiou a miña man,
e neste meu leito
arrepíntome,
desexando afogar na máis fresca das augas.