May 28, 2012

Cautivo


Camiñarei coas mans atadas,
prisioneiro das miñas decisións.
Camiñarei coa cabeza baixa,
para non mirar aos ollos á verdade.
Dous finais ábrense ante min.
Fuxirei para que a morte me alcance pola espalda?
Afrontarei o destino que eu mesmo creei?
Ningún sinal vin no meu percorrido,
nada que me advertise de onde me estaba metendo.
Fatalismo e optimismo,
dúas conciencias separadas que loitan no interior.
Dá igual cal das dúas saia vencedora,
o resultado, antes ou despois,
sempre será a dor.  

May 13, 2012

Opresión


Intentámolo e levantámonos.
Sabíamos que era unha ardua tarefa.
Unha misión que dura xa séculos.
E cando por fin vimos o resultado,
cando vimos como a bota que nos esmagaba se levantaba,
celebrámolo con xúbilo.
Pero neses intres de ledicia
a bota volveu caer sobre nós,
con máis forza aínda.

May 3, 2012

Saga do Fénix VII - Revolta



O poder da química na miña man.
O inflamable líquido danza dentro da súa gaiola,
inquedo, excitado,
consciente do futuro que lle espera.

Un sinal, e un exército de candentes artefactos
barrerán as filas inimigas como unha tormenta divina.
Improvisaremos unha noite de San Xoán,
con bonecos envoltos en chamas
desfilando polas estreitas rúas.

Paxaros de lume voarán sobre os espectadores,
un indiscriminado castigo,
un ataque contra a propia existencia,
rebaixando a todo ser a un mesmo nivel,
mesturando as cinzas nun todo, un monstro común,
unha escoria social.