Aug 25, 2011

Ruína Verde


Nesa escura noite chegou ela,
e tamén un gran vendaval anunciándoa,
esvaendo a chama da vela.

Pero xa había alguén esperándoa.
A súa chegada xa advertiran,
Contra ela berreaban, insultándoa.

A súa ollada verde xa viran,
que tolos a tantos homes volveu
e que de cabeza ó mar se tiran.

A férrea vontade corrompeu,
todos ceden ó seu encantamento,
o prezo pagaráo quen non veu.

Os descendentes, sen coñecemento,
formarán parte da extensa prole,
deformes que firen o sentimento.

Aug 21, 2011

Despertar escéptico


Despois de saber como acaba esta historia
e de lamentar non ter disfrutado máis da súa evolución,
digo, e non temo que as miñas palabras fagan canción,
que estes relatos non son unha vacua filosofía
e que nos seus lamentos moitos poetas encontran un filón.

Mais eu continúo, sabendo que a miña teoría é certa
que un adeus non sempre deixa un abismo,
que o presente matou xa o romanticismo,
que sinceramente ninguén dá un peso por unha aperta
e que o mundo de hoxe en día, construíuse sobre o cinismo.

E con forzas renovadas rompo estas cadeas.
Maldigo a sociedade que me colgou ditas ataduras,
na que o ben máis escaso son as mentes maduras,
abundan os vicios enormes como baleas
e a maioría son ignorantes que camiñan ás escuras.


Aug 18, 2011

Mutuamente Sós


Eu só son
un solitario defunto.
Ti es só
un solitario espírito.

Corremos desesperados
baixo os tamén solitarios raios,
tristes e temidos emisarios
dos deuses que os homes creamos.

Entre o fume tratamos de atoparnos
pero a soidade insiste en non deixarnos
e nesa conxunción de pós
seguimos mutuamente sós.

Aug 15, 2011

Formigoloxía


Negar non se pode
que a vida das formigas
non está chea de felicidade.

É todo de forma épica marchar,
pes humanos esquivar.

E o colmo de males é ter
sexo mecánico e repetitivo
coa mesma muller
ca calquera outro compañeiro tivo.

Aug 8, 2011

Media ducia de horas


Rotura múltiple.
Todo esparexido.
Tempo perdido.

Ollada verde.
Festival carnívoro.
Tempo inquedo.

E nada come.
As follas arrincadas.
Tempo queimado.

Onda xigante.
Pequena desastrosa.
Tempo roubado.

Flores xa murchas.
As pobres desgraciadas.
Tempo eivado.

Beizos mordidos.
Votación anulada.
Tempo parado.