Jun 19, 2012

Inexistencia 2


Tralo deus iracundo que pide sangue,
tralo deus guerreiro que pide guerras,
tralo deus bondadoso que pide amor,
tralo deus rencoroso que pide vinganza.

Tralo escudo, trala espada,
tralo ollo, trala lanza,
tralo libro, trala daga,
tralo dente, trala maza.

Disputas de mentes demasiado imaxinativas
que comandan mentes demasiado cerradas.

Jun 4, 2012

A febre dun soñador



A víbora da dúbida chantou os cairos na carne quente,
o ácedo veleno extendese paseniño polas veas,
ó seu paso vaise durmindo a conciencia, a mente,
doma o espírito animal que sempre comeza as leas.

E lentamente o sono dá paso ós desvaríos,
o panorama ante os ollos convértese nunha alucinación,
imaxes de monicreques que cortan os seus propios fíos,
de corvos que peteiran as sementes da destrucción.

O son dos cornos anuncia o comezo da función,
graxentos animais acompañan cos seus chíos
mentres criaturas menos ruidosas os acoitelan con decisión,
co fin de utilizar o sangue para alimentar os sedentos ríos.
Tralo telón agóchanse rindo as bruxas máis feas,
de sobra saben que ningunha delas é candidata decente,
nin sequera envoltas nas máis coidadas e caras teas
poderían apoiar a ilusión dunha realidade convincente.