Feb 20, 2012

Saga do Fénix VI - O Sabio


Decidido a romper coas cadeas,
coas ataduras que o unen ó seu pasado.
Nunha man leva un feixe de candeas,
na outra un pesado bidón ben pechado,
O demacrado ancián fai o seu movemento
e encorvado avanza contra o vento.

A vida para el xa perdeu o sentido,
xa se extende máis do que debería ter vivido,
tras mil combates o seu corpo xa está curtido.

E tempo despois un cazador extraviado
comtempla entre as árbores, abraiado,
un delgado corpo totalmente calcinado.

Feb 12, 2012

Novas lendas antigas


Letras vellas.
De heroes antigos.
De batallas gañadas e de guerras perdidas.
Historias esquecidas.
Palabras durmidas,
entre moreas de papeis que apodrecen.
Aquí e alá,
a medida que calan os bardos,
as lendas desaparecen.
Nas prazas non se amorea xa a xente.
As cancións xa non traen novas.
As armas dos soldados perden o brillo,
pero a pluma renova o seu filo.
Indignados escritores parten nunha misión de busca.
Respladece nos seus ollos a decisión.
Con lanzas de tinta acabarán co fero dragón
e traerán de regreso á súa querida musa.

Feb 6, 2012

Muutos


Medo a que a rutina cambie,
horror ante a idea de mudar,
a que a comodidade acabe.

A situación debe evolucionar,
aínda que sexa tan confortable,
algún día haberá que madurar.

Non, seguir así non é viable,
é un deber unirse ao progreso,
por máis que sexa algo cuestionable.

A razón vai cobrando ben de peso,
o futuro non debe ser estático,
opción hai de actuar con exceso:

Rematar convertido nun fanático.