Jan 22, 2011

Pouca profundidade

Como fun dar aquí?
Navegaba eu por interesantes mentes
cubertas de estrelados ceos de ideas.
Resplandecentes ideas!
E agora atópome varado neste areal.
Maldita corrente irónica!
O teu desatinado percorrer trouxome ata estes lares.
Ata estas vidas superficiais.
Vidas pouco profundas,
nas cales o meu navío medio afundido toca fondo.
Pesan os tesouros recollidos nestas últimas viaxes.
Parece mentira que todo o traballo que pasei,
o suor que botei ata encher de sal o océano,
sexan agora en van.
Que nos quiten o bailado!”
O colmo do pesimista acábase de facer realidade,
xa que eu estou obrigado
a librarme do lastre da experiencia
para poder liscar destas perigosas augas.

Jan 10, 2011

Cidade Fantasma

Zona Cero.
Cidade fantasma.
Os pobos mortos só dormen durante o día.
Na noite todo esperta.
Todas as estrelas se moven, ruidosas...
Ras que croan.
Lobos que oubean,
maldecidos pola estrela caída,
merodean polo sanguento bosque vermello,
rindose dos seus pasados cazadores xa cazados,
tempo atrás,
polas invisibles pantasmas que Plutón dende o seu novo trono envía
a reclamar terras longamente asoballadas por un home que xa non recordaba como chegara alí.
Agora,
o deus dos mortos retírase ó seu Sarcófago eterno de cemento,
deixando este novo mundo baixo a incansable vixiancia da natureza,
que con afán protector,
coloca á entrada de cada fogar antigamente humano
unha árbore
que invita ó pecado orixinal,
un pecado que provocará,
non unha expulsión,
senón unha penosa invitación
a formar parte da familia dos que vagan,
baixo unha suave choiva de malignos raios,
por un deserto aínda non de todo morto,
un pase
ó extrano mundo
dos descendentes non recoñecidos
da segunda xeración dinosauros.

Jan 3, 2011

Grises



Somos grises.
Nen bos nen malos.
Grises.
Nen heroes nen viláns.
Grises.
Pero sentimos, sufrimos.
Vivimos e morremos.
Soñamos cando durmimos.
Amamos.
Non somos deuses,
pero tampouco somos diaños.
Somos grises.
Nen negro nen branco.
Somos homes.